Dimisión Presidente-17-11-2006
NOTA DE DIMISIÓN COMO PRESIDENTE
17-11-2006
Vilaxoán de Arousa.
Teodomiro Cardalda Fernández como Presidente da Asociación de Veciños de Vilaxoán.
Expón ante a Xunta Directiva a súa dimisión o primeiro de decembro de 2006, por problemas persoais e de índole laboral. Con esta decisión vaise facer unha remodelación de cargos na Directiva onde o Presidente Accidental que sexa nomeado terá un ano a partir da miña dimisión para facer unha Xunta Xeral onde se elixirá unha nova directiva por cinco anos en base aos Estatutos actuais.
A Directiva actual que me acompañou neste anos, con un traballo excepcional xa que sen eles nada se podería facer, teñen que estar moi orgullosos dos logros acadados en todos estes anos, contando coas dificultades e atrancos que tivemos por parte dos poderes públicos e da indiferencia . Os logros están hai, enumeralos sería encher moitas follas, xa que unhas veces o traballo de petar nas portas e nos despachos oficiais non se nota ante a opinión pública, pero de tanto petar algo se acadou, non todo o que queriamos. Unha das nosas e importantes reivindicacións por ser unha das infraestructuras que lle podía dar un despegue a Vilaxoán e sacar a vila da decadencia, foi a rexeneración da Praia do Preguntoiro que tantos quebradeiros de cabeza nos trouxo desde fai preto de 10 anos, cousa que se está a rematar e agardo con ansia que os compañeiros que quedan logren finalizala o vindeiro ano, iso sería un logro e orgullo para todos aqueles que loitaron desde o principio do ano 1996. sendo presidente Manuel A. Piñeiro e logo Ramiro González Mariño, sen esquecer a todos aqueles que pasaron pola directivas en todo ese tempo. Gustaríame chegar a esa finalización co traballo rematado, pero por eses motivos anteriormente expostos non pode ser. Os que quedan teñen a suficiente valentía e orgullo para petar nos despachos oficiais e rematar a praia antes do verán do 2007.
Entre moitas cousas pequenas que se acadaron, enumero as máis importantes: a remodelación da rúa Pardiñas, a remodelación da Praza de Rafael Pazos, A Alternativa ao Plan Xeral de Urbanismo aprobada nun Pleno co 80% das nosas peticións co respaldo de preto 2000 sinaturas etc..Pero do que máis me sinto orgulloso, e por que non dicilo tamén, un pouco vaidoso, de acadar que un Pleno no Concello por unanimidade de tódolos grupos políticos, por petición desta Asociación, aprobara a Rúa a Ramón Patiño, fundador deste Colectivo no ano 1976.
Agora para os que quedan lles agarda unha tarefa moi importante que está en marcha, como son: a remodelación de todo o Casco Histórico coa axuda da Consellería da Vivenda e Solo, cousa que xa se falou nunha entrevista en Santiago cos responsables desa Consellería. A remodelación da Rúa Alfredo Saralegui, Rúa Bouza de Abaixo e Vázquez Leis para nun futuro non moi lonxano recuperar unha vila en base a súa historia con atractivo turístico e calidade de vida. A curto e longo prazo rexenerar todo o litoral ata o Esteiro con un paseo marítimo sen impacto ambiental. Paseo que vimos reclamando desde fai dez anos.
A todos da Directiva lles pido que non tiren a toalla por moitos atrancos que teñan, o tempo e o bo facer ao final chega a compensación para o pobo. Sabedes que non é un camiño de rosas, sempre teredes detractores pero eses son sempre minoría, o principal é tirar para diante e demostrar con feitos e non con palabras aos que intentan destruír.
Un saúdo e apertas a todos vos pola axuda en todo esta andaina da Asociación e podedes contar comigo como socio e como compañeiro para todo o que sexa.
Teo Cardalda
Vilaxoán, 16 de novembro de 2006
-------------------------------------------------------------------------------------------
Posdata:En xuntanza da Directiva de hoxe venres día 17 -11-2006. Acordouse o seguinte: Despois dos puntos tratados, en rogos e preguntas foi lido o devandito escrito pola secretaria. Como a miña dimisión foi irrevogable, ante isto se fixo unha remodelación de cargos con máis xente incorporada, quedan todos os antigos directivos. A secretaria Carme García Rebollido, por a súa decisión seguirá no mesmo posto ata un máximo de un ano. Quedando todos os compoñentes unanimemente de acordo en que fora Ramiro González Mariño o Presidente –Coordinador ata que fixe unha vindeira Asemblea e como Vice-Coordinador Tomas Rodríguez Piñeiro.Non quixera marcharme sen darlle “millóns” de gracias a tódolos periodistas cos que tratei, xa que sempre foron atencións para a miña persoa e iso é de agradecer, e si algo se fixo en Vilaxoán por esta Asociación, quérovos dicir que en un grande porcentaxe das nosas reivindicacións vos tivechedes a culpa de que as cousas foran polo bo camiño. E iso quedará gravado na miña mente para toda a vida. Co voso permiso coido que podo permitirme o luxo de dicir: ¡ Moitas graciñas Sres/as. da “canallesca”.!Teo Cardalda ex-presidente da AA. VV. “Vilaxoán”
17-11-200

Chúzao
del.icio.us
Ramón Patiño del Valle. Fundador da Asociación en 1976.




